Conversamos con...FRAN ALONSO .Club de lectura

 


Neste 3º trimestre do curso tiñamos encomendado a lectura do libro de poesía “TERRAZA” de Fran Alonso.

Contamos nesta ocasión co autor, que nun encontro con gran parte das participantes do club, tivemos o pracer de escoitalo falar sobre o seu libro e a poesía en xeral.

Escomezamos o diálogo recoñecendo que o libro nos contaba unha historia narrada de maneira poética, “poesía narrativa” que nos diría o autor. Chamáranos a atención que a métrica e a rima non fosen as tradicionais, e falounos das “Vangardas” de inicio do século pasado no que se mudou a forma tradicional de facer poesía.

Falamos da cantidade de “metáforas” que aparecen no texto e da importancia da “palabra” exemplificada cun globo.

  • Globo inchado: palabra no seu sentido etimolóxico.

  • Globo moi inchado: palabra con máis significado que expresa sentimento.

Falounos logo do poder da poesía, na extorsión das palabras para facer que o significado aumente.

Comentamos tamén sobre a importancia da “orientación na lectura”, como uns ou unhas boas referentes nas primeiras etapas poden axudar moito ao futuro lector/a.

Recordounos posteriormente a ligazón da poesía coa música nos seus inicios e como o libro impreso desligou estas dúas realidades que novamente neste século intentaron vencellarse mediante o CD no libro, os códigos QR…

Xa case no remate falounos doutros libros seus, da “poesía visual” na que as imaxes xogan un papel destacado e finalmente proxectounos un vídeo : “Poemas inmóbiles de movemento estático” na que a escoita dos poemas descansa sobre a visión dun vídeo relaxante, no que o mar e o ceo abrazan ao poeta nunha comuñón perfecta.

Rematamos tomando un café e postre, non sen antes agasallar ao autor cun poema que un de nós escribiu inspirándose no seu libro, e uns detalles que a coordinadora do grupo lle ofreceu. Fomos recompensados cuns libros que Fran tivo a ben regalarnos.

Grazas Fran por compartir con nós esta charla, ata pronto!!!









Comentarios

Entradas populares