
Neste segundo do curso tiñamos encomendado a lectura A BATALLA DE RANDE de David Braña e Pablo Prado , en formato de banda deseñada, para debater.
Coincidimos a maioría que era un libro de lectura fácil, xa que a banda deseñada é moi explícita, a pesar diso non é recomendado para primaria xa que a vertente histórica que se narra precisa de coñecementos que nesta etapa non se teñen.
O resumo da historia xa está no prólogo, mais os acontecementos contados nas diferentes viñetas, son moi suxestivos pois os sitios e lugares nos que transcurre a acción son coñecidos por todos nós.
O libro é de moita calidade, formato, papel… cunhas viñetas moi ben deseñadas e de moito colorido para destacar descricións narrativas, de planificación ou dinámicas “batalla”.
Permitiunos tamén o coloquio, falar de como a violencia sobre a muller aparece de manifesto cando un poder se instala nunha sociedade.
O desenlace e a lenda que todas coñecemos provén, posiblemente, do libro “20.000 leguas de viaxe submarino” de Jules Verne , no que fai referencia a este acontecemento histórico.
Fixemos unha comparación coa lectura “As lavandeiras”, mais concluímos que aínda que ambas narracións están baseadas en feitos históricos, unha é banda deseñada e o outro é un libro deseñado. Quedamos pendentes de solicitar para este mes unha visita ao museo de Rande.
Rematamos falando de diversas lecturas e autores/as para ler, a nosa próxima lectura : “ Detective Ferruchi”, de Marta Villar.
Comentarios
Publicar un comentario