DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2022
Como en anos anteriores, coincidindo coa data de nacemento de Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil o 2 de abril. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.
Canadá é a sección encargada de elaborar a mensaxe do escritor Richard Van Camp e a ilustración de Julie Flett: "As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día". Unha homenaxe ao poder dos libros infantís para expandir os nosos horizontes, acender a nosa imaxinación e fomentar a comprensión.
Ler é liberdade. Ler é respirar.
Ler permite que vexas o noso mundo con ollos diferentes e convídate a habitar mundos que nunca vas querer deixar.
Ler permítelle ao teu espírito soñar.
Seica os libros son amigos para toda a vida, eu acredito niso.
A plenitude do teu universo só medra cando les.
As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día, xa quelogo busca libros que lle falen ao teu espírito, ao teu corazón, á túa mente.
As historias son menciña. Curan. Reconfortan.
Inspiran. Ensinan.
Benditos sexan os narradores, e os lectores, e os oíntes. Benditos sexan
os libros. Eles son a menciña para un mundo mellor, máis luminoso.
Mahsi cho. Moitas grazas.
RICHARD VAN CAMP, AUTOR
TRADUCIÓN: MERCEDES PACHECO
GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.
FONTES: BIBLIOTECAS ESCOLARES E GÁLIX
Comentarios
Publicar un comentario